M, H y P
M
Quen non cura unha ferida
Non sabe o dano que fai ó resto.
Segue perseguindo sombras
Que escurecen o pretexto.
Unha saba sufocante negra
que volta e retorna outra vez.
A idea de fuxir lonxe,
un desexo de non volver
Un sorriso sempre pola metade,
un sentimento de case dor.
Baleirando as nosas apertas
deixaches sen alma ó noso amor.
E queimaches a cidade,
eu adentreime no fume.
Afogábame cos teus aires
mais quedei por costume.
Silencios coma muros
e palabras sen saída
creando un labirinto
onde eu quedei dividida.
Deixáschesme aberta en canal
para despois encherme de po,
cubríschesme con fíos
e atáschesme con nós.
Abandonándome nesta rutina
onde os teus ollos xa non me ollan
nun xardín só de espiñas
onde palabras case me controlan.
Cura a túa ferida
e deixa de facer dano co teu sangue.
Tanto tempo levas sen quererme
que non sei como lembrarme.
H
Porque as túas balas perdidas
non son da túa arma.
Pecho os ollos cando se achega.
Oxalá non che cheguen as bágoas.
O impulso de protexerte
aínda que ti tamén me firas
porque o teu sangue non é teu.
Lémbrome de cando me querías.
Os teus ollos mesmo me ollan
máis non é a ollada de sempre.
Ten restos da súa cor carmín.
Espero que chegue o día onde non te lembres.
Compartimos unha saba
onde os meus nós atan os teus.
Oxalá poder soltar os meus lazos
pero que ti non quedes cos seus.
P
Aínda que esteas a partes presente
perséguenos a túa palabra,
cóbrenos unha tea negra
unha tea case branca.
A súa idea de ser unha copia,
pero unha que sexa miña,
sen bágoas que parezan remedios
ou golpes que semellen ledicia.
Deixei que quen era se fose
porque fun eu quen desordenou os teus plans.
A súa meta é que eu me lembre
e ti sempre deixas que o consiga rematar.
Eu espero que me perdoes se me agocho
dentro de min para non escoitala nesta ocasión,
case creando muros
pola semicarencia da túa dor.
A ti o sangue non che chega,
mais a nós conséguenos cubrir.
Berro para que me escoites
mais iso tamén se logra afundir.
